Thursday 18 de April de 2024

Boqueixón aproba o orzamento de 2023, que ascende a máis de 4,2 millóns de euros e medra un 17,8% con respecto a 2022


A sesión comezou coa lectura dunha declaración institucional pola celebración do 8M por parte das concelleiras da corporación e cun minuto de silencio pola vítimas da violencia de xénero

O Concello incrementa en 633.00 euros o orzamento con respecto a 2022, sen ningunha subida de taxas nin impostos

O Pleno de Boqueixón aprobou en sesión extraordinaria os orzamentos de 2023, que ascenden a 4.217,469,14 euros, están equilibrados en gastos e ingresos e supoñen un incremento do 17,8% con respecto ao ano anterior. Uns orzamentos que saíron adiante cos votos a favor do grupo de Goberno.

O concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias, foi o encargado de resumir os principais puntos dunhas contas investidoras, que reforzan os servizos sociais que se prestan á veciñanza e que non recollen incremento ningún en taxas e impostos. Iglesias volveu insistir un ano máis en que o capítulo de inversión reais, como todo o orzamento, é un documento vivo e que se irá modificando “en función das necesidades e das subvencións que vaiamos conseguindo xa que o Concello de Boqueixón conta con remanentes que nos permiten tanto facer fronte á nosa parte dos convenios como acometer con fondos propios calquera actuación que sexa necesaria”.

Así, o capítulo de inversións de 2023 recolle os 124.865,05 euros correspondentes ao POS+, se ben Iglesias lembrou que “temos aprobado dous proxectos do Programa DUS 5000 por valor de 4,6 millóns de euros para completar o cambio a LED de todas as luminarias do municipio e a construción de máis de 17 quilómetros de sendas peonís, dos que o Concello terá que achegar 703.000 euros”.

Iglesias exemplificou esta situación cos datos do orzamento de 2022 que “con 3,5 millóns nin sequera recollían as inversións do POS pero, coas dúas modificacións que fixemos, se executaron investimentos en Boqueixón por un importe de 1.484.000 euros en infraestruturas, parques infantís, melloras no parque empresarial de Camporrapado”.

A maiores, José Manuel Iglesias informou da reunión mantida este martes para avanzar na creación dun centro de día compartido entre Boqueixón e Vedra. “Este equipo de Goberno vai contribuír no que sexa necesario para facer o centro de día. Nestes momentos estase a buscar financiamento pero o Concello de Boqueixón poderá facer a súa achega en calquera momento porque ten liquidez para facelo”, sinalou.

Atención social

Ademais, os Orzamento do Concello de Boqueixón para 2023 recollen 750.000 euros para atención social, 200.000 euros máis co exercicio anterior. Tamén se recollen 8.000 euros en axudas para o fomento da natalidade, 15.000 euros para as axudas a actividades do tecido asociativo, 91.000 euros para limpeza escola ou os 30.000 euros por se fora preciso externalizar o contrato de recollida de residuos sólidos urbanos no último trimestre de ano.

Finalmente, os orzamentos 2023 manteñen as mesmas cifras na previsión de ingresos por impostos directos e indirectos cos de 2022 e 2021, e non contemplan incrementos nas taxas municipais, se ben están previstos maiores ingresos derivados do imposto de construción. “Nos dous primeiros meses de 2023 se ten ingresado 26.400 euros. Non vai ser algo lineal pero agardamos que sexa o inicio dunha campaña interesante”, apuntou José Manuel Iglesias.

No apartado de gastos, e a pesar de recoller un incremento do 4% nas retribucións ao persoal, os gastos de persoal perden peso con respecto ao resto do orzamento: se representaban o 40,7% do gasto de 2020, serán só do 35,01% no 2023. Así mesmo, reducirase a partida para retribucións dos órganos de Goberno pola xubilación de Jesús Sanjuás, concelleiro de Servizos Xerais, Seguridade, Medio Ambiente, Vías e Obras.

Resto da sesión

Previamente, o Pleno aprobou por unanimidade a ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello de Boqueixón así como a modificación dos representantes do CPI Antonio Orza Couto, do CEIP Ortigueira de Vedra e do CPIP Fonte Día de Touro na Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero dos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra. Finalmente, tamén se aprobou a modificación de usos de dúas parcelas de equipamento social e deportivo do polígono industrial de Sergude.

A sesión comezou coa lectura dunha declaración institucional con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e un minuto de silencio por todas as vítimas da violencia de xénero.